Só sei que non sei nada! (Sócrates, filósofo 470-399aC)

O silencio social é unha forma de represión


2/9/11

Feminismo da 1º Onda (III): Olympe de Gouges

Marie Gouze naceu o 7 de maio de 1748 en Montauban, ao sur de Franza.

Era a filla ilexítima dun aristócrata moi influínte da época (Jean-Jacques Lefranc de Caix de Lisle et de Pompignan) pero que foi recoñecida polo marido da súa nai, un carniceiro (Pierre Gouze). A súa nai (Anne-Olympe Mouisset) era filla dun comerciante de teas, dun familia da baixa burguesía. Marie recibiu unha educación humilde, a considerada acaída para unha muller da súa posición social. Aos 17 anos (1765) casárona cun home maior co que tivo un fillo. Non foi feliz durante o matrimonio e expresou o seu desexo de non volver a facelo cando aos 22 anos se quedou viúva (1770). O matrimonio tivo un fillo: Pierre Aubray.

Neste punto decide tomar as rendas da súa vida. Renega do apelido do seu home (Aubray) e do seu pai (Gouze), toma como nome o apelido da súa nai Olympe e modifica o apelido do seu pai (de Gouge), pasando a chamarse Olympe de Gouge. Trasládase a París onde lle procura unha educación ao seu fillo mentres ela se adica a publicar. Relacionase coa elite literaria do momento nos salóns parisinos.

Aínda sendo filla ilexítima do marqués reclama os seus dereitos sobre a herdanza tanto económica como literaria. E preocupouse en cultivar o xénero dramático ao igual que seu pai. Publicou dramas cun marcado carácter social: “Os perigos dos prexuízos”, “Muller Misántropa”, “A necesidade do divorcio”, “O convento”, “Para a xente”, “Aristócratas e demócratas”, A escravitude dos negros”…

Debido a súa labor a prol da abolición da escravitude foi membro do Clube dos amigos dos negros. Tamén escribiu dous ensaios acerca deste tema: “Reflexión sobre os negros” e “O mercado dos negros”.

Escribiu novelas e artigos autobiográficos: “Olympe de Gouges, defensora non oficial de Luis Capet” (1792) e “Olympe de Gouges no Tribunal Revolucionario” (1793).

Pero esta muller non só escribe senón que tamén publica, coñecéndose ata 30 panfletos da súa autoría. Chega a dirixir un xornal: O Impaciente (L’Impatient), que lle servía de tribuna. Publicou: “As pantasmas da opinión política” (1792), “Resposta aos meus calumniadores” (1789), “Para salvar á Patria temos que respectar as tres ordes” (1789), “Proxecto sobre a formación dun Tribunal Popular Supremo Penal”, “Carta á xente”…

Tamén ten obras cun marcado carácter feminista: “Franza gardada por mulleres” (1789), “O senso dunha francesa” (1792), “Comunicación á convección, por unha verdadeira Republicana” (1793), “Un segundo proxecto de teatro e da maternidade” (1789).

Pero, sen dúbida, o seu texto máis importante é “Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá” (1791).

A Revolución Francesa constituíu unha arenga á igualdade universal entre persoas, pero ao final só quedou en teoría. Aínda que as mulleres tiveron un papel activo no proceso revolucionario, o novo goberno quixo relegalas de novo ao seu rol de amas de casa, obedientes e devotas esposas. Olympe reclama a igualdade real entre homes e mulleres, plasmada na participación delas na vida pública do país, na política e nas Asembleas. Reclama o dereito á propiedade, a educación ou o dereito a voto.

A autora chama as mulleres a organizarse e identifica a dominación masculina como a causante da súa situación de inferioridade. Presentouse o escrito á Asemblea pero foi ignorado, moitas compatriotas revolucionarias mandaron cartas protestando por este feito pero correron a mesma sorte que Olympe.

Foi participe na fundación da Societé populaire das femmes.

Ao igual que Montesquieu avogou pola separación de poderes. Foi moi crítica co terror xacobino e co goberno de Robespierre e Marat. Primeiro declarouse a favor da monarquía constitucional pero pronto asumiu os ideais republicanos dos Girondinos.

O 2 de novembro de 1793 foi levada á guillotina acusada de sedición e monárquica (opúxose á morte de Luis XVI). Na súa maior obra escribiu que se as mulleres tiñan dereito de ir ao cadafalso tamén o tiñan de subir á tribuna… mágoa que non lle deran tantas facilidades para o segundo coma para o primeiro!

E como adoita pasar ao longo da historia tentaron destruír o seu legado, posto que resulta moi complexo reconstruír a vida desta muller que transcorreu non hai 300 anos. E incluso a maior parte dos historiadores a tachan de ignorante e restan importancia aos seus escritos. Acúsana de cambiar de partido como de roupa e non atender aos designios da razón e deixarse levar polas súas emocións.

Fluctuaba dun partido a outro, segundo a súa sensibilidade e as ondas do seu corazón
(Sazbón, Jose. Editor. Cuatro mujeres en la revolución francesa. Editorial Biblios. Colección Lado B. Buenos Aires 2007. Pág. 46)

Ela permitiuse a si mesma actuar e escribir acerca de máis dun asunto que a súa débil cabeza non entendía
(Michelet, Jules. Le Révolution FranÇais. NationMaster.com)

A muller non era considerada ninguén se non tiña un pai, un marido ou un amante que a protexera, ou sexa que ela non fixo máis que procurarse o que necesitaba
(C. Cardona Gamio Ediciones 2005. http://www.ccgediciones.com/Sala_de_Estar/Biografias/olympegouges.htm)