Só sei que non sei nada! (Sócrates, filósofo 470-399aC)

O silencio social é unha forma de represión


12/1/11

Protofeminismo II

O ámbito relixioso, sen dúbida, é o que maior número de mulleres aporta á causa. Farei un breve resumo dos aportes dalgunhas delas e deixo unha ligazón para quen queira ollar as biografías:

Hildegard von Bingen: A raíz das súas visións adquire unha gran influencia que lle permite cartearse con altos cargos eclesiásticos e civís. Publicou tratados sobre Bioloxía e Medicina, o que fai que sexa considerada a primeira médica alemá. Tamén mencionar a longa loita que mantivo ata conseguir a emancipación da súa congregación de mulleres e trasladarse ao seu propio mosteiro.

Catalina de Siena: Tivo moita influencia e interveu en varias crises papais.

Basta de silencios! Berrade con cen mil linguas! porque, por calar, o mundo está podre!

No ámbito da nobreza mencionar a:

Sabela de Portugal: Raíña de Portugal, esposa de Dionisio I de Portugal. Tivo moitísima influencia na política durante o reinado do seu marido e o do seu fillo, Afonso o Bravo. Grazas a súa intervención evitáronse guerras. Mediou entre o seu marido e o seu fillo no propio campo de batalla e evitou unha guerra civil. O día antes de morrer fíxolle prometer ao seu fillo (daquelas rei de Portugal) que non entraría en guerra con Afonso XI de Castela (neto dela).

Leonor de Aquitania: herdou do seu pai o ducado de Aquitania o que precipitou a súa voda co futuro rei de Francia, Luis VII. Como Raíña de Francia mencionar: o apoio mostrado ao matrimonio ilexítimo da súa irmá en contra da vontade do rei e que durante a Segunda Cruzada foi a única muller que contaba cun exército propio (o cal se revelou contra o rei de Francia por discrepancias sobre o obxectivo a atacar). Anulouse o seu matrimonio con Luis VII por consanguinidade e aos 2 meses casou co futuro rei de Inglaterra, Henrique II. Como Raíña de Inglaterra: foi mecenas de moitos trobadores potenciando o amor cortés e apoiou a rebelión dos seus fillos contra o seu home (sendo encarcerada ata a morte do rei). Como viúva: reinou en nome do seu fillo (Ricardo Corazón de León) varios anos, liberou aos prisioneiros do seu defunto home e escolleu entre as súas netas á muller do futuro rei de Francia, Luis VIII.

Branca de Castela: casouse co futuro rei de Francia, Luis VIII. Cando este morreu foi a rexente do reino ata que o seu fillo foi maior de idade. O seu goberno foi moi produtivo: eliminou a herexía, conseguiu un matrimonio que aumentaron os dominios do seu reino e someteu aos nobres que se revelaron ante a idea de que ela fora rexente. Cando o seu fillo (daquela Luis IX, rei de Francia) se foi á guerra volveuna nomear rexente.

Algunhas mulleres, tomaron as armas, para participar en torneos ou disfrazáronse para colocarse á fronte dalgunha operación militar, sendo o exemplo máis coñecido, pero non o único, Xoana de Arco, vítima da Inquisición “por negarse a vestir roupas de muller”. Dicir que ao final queimaron aos seus xuíces por herexes (quen llo ía dicir a eles...), 25 anos despois, e canonizárona uns 500 anos depois.

(Fixástesvos no detalle? Queimárona por vestir roupas de home pero na súa imaxe como santa leva unha saia)

Salientar a Guillermine de Bohemia (da que non atopei información biográfica), a finais do século XIII, creou unha igrexa de mulleres. Crendo que cando Cristo viñera ao mundo só salvara a Adán e que Eva seguía condenada, formou unha congregación que agardaba a segunda chegada do fillo de Deus para salvar ás mulleres. A súas eucaristías só acudían mulleres, pero de todas as clases sociais. O Papa acusouna de herexe e morreu na forca.

7/1/11

Protofeminismo I

Conseguir información acerca dos antecedentes do feminismo non é sinxelo. A maioría das veces consideran o inicio deste movemento os anos previos á Revolución Francesa ou á Ilustración. No anterior post establecemos que nesas datas comezaba a 1ª onda do feminismo pero, é o protofeminismo?

O protofeminismo podemos entendelo como as diferentes actuacións que defenden a autonomía das mulleres pero que non constituíron un movemento social na práctica totalidade dos casos. Son actuacións de mulleres, tamén uns poucos homes, a título individual ou como pequenos grupos, por iso só podemos falar de mulleres concretas e non de pensamentos colectivos. É a etapa de xestación do feminismo.

A Idade Media foi a época de máximo esplendor do Cristianismo, polo que toda a sociedade europea occidental estaba organizada seguindo os dogmas desta relixión. Os altos cargos eclesiásticos tiñan acceso directo ao poder e velaban polo cumprimento da moral cristiá. Establecendo que a muller débese ao home, creada da súa costela e culpábel da condena da humanidade, ten o deber de obedecer ao seu titor/marido e adicarse á crianza da prole ou ao coidado do fogar. A outra opción era a vida relixiosa, ofrecía maior liberdade dado que as monxas vivían en comunidades de mulleres pero sempre baixo a tutela directa dun confesor, abade ou bispo.

No século X, destacar á canonesa Hrosvitha de Gendersheim pertencente á Orde de San Bieito. Primeira escritora e poetisa alemá e a primeira dramaturga da historia (escribiu todo en latín), tamén foi considerada pioneira na escritura da historia das mulleres polas súas obras sobre virxes mártires. Con toda probabilidade era de orixe aristócrata: o seu nome aparece nun antigo gravado de madeira como “Helena de Rossow”.Ser canonesa, significaba, entre outras cousas,que podías ter o teu propio patrimonio e dispoñer de criadas. Posto que só facían 2 dos 3 votos monásticos: obediencia e castidade pero non o de pobreza. Para as que eran novas suporíalles a oportunidade de non perder o seu status social sen ter a obrigación de contraer matrimonio, normalmente, imposto.

Hai mulleres que viviron a súa relixiosidade como anacoretas*, especialmente na Inglaterra. Destaca a autora mística (século XIV) coñecida como Madre Julián de Norwich, anacoreta da igrexa de San Xulián de Norwich. A súa teoloxía é de corte optimista, fala do amor de Deus en termos de alegría e compaixón e non de lei ou deber. Viviu na época da peste negra pero, a diferenza do resto da sociedade, non vía nela un castigo divino. O sufrimento é unha maneira que ten Deus de acercarnos a El. Na súa obra Revelations of Divine Love desenvolve un concepto da divindade que abarca o feminino e o masculino, adiantándose séculos á eliminación do sexismo na linguaxe, emprega pronomes de ambos xéneros ao referirse ádivindade. Tamén destacar o tratamento que lle dá á Santísima Trindade, onde compara a Xesús cunha nai sabia, amante e misericordiosa ou enlaza a Deus coa maternidade en termos de enxendrador da Natureza. A súa obra fíxose moi popular entre os feministas cristiáns, polo concepto do feminino asociado á divindade.

------------------------------------------------------------------------------

*anacoretas. Persoa que vive en soidade, afastada da vida social, e que leva unha vida austera dedicada á contemplación e á oración. Leva unha vida de anacoreta. SIN. asceta, eremita, ermitán.

No tocante ao enlace de Julian of Norwich, vinme na obriga de empregar unha páxina nunha lingua extranxeira (a nosa non está tan normalizada como eu quixera), así que pareceume boa idea facerlle publicidade ao blogue en cuestión. ;)

Como anécdota: o cantante Sydney Carter adícoulle unha canción a Julian of Norwich

2/1/11

Definición de feminismo II

Segundo Simone de Beauvoir, a primeira muller que empregou unha pluma para defender á muller foi Christine de Pizan, que escribiu Epître au Dieu d'Amour (Epístola a deus do amor) no século XV. Existen varios exemplos de autoras anteriores ao Século das luces que avogan polos dereitos da muller, porén, non están directamente vinculadas ao feminismo moderno.

A verba "feminismo" é un termo relativamente recente, apareceu en 1880 en Francia. Foi adoptado en Inglaterra a partir de 1890 (feminism), en substitución de womanism ("mullerismo"). A existencia de movementos a favor da muller anteriores á ilustración é indubidábel, pero non se pode falar dunha continuidade entre eses movementos e o feminismo de hoxe en día, que comeza a finais do século XVIII, cando xorden as primeiras correntes feministas. A defensa das mulleres anterior ao século das luces denomínase Protofeminismo, non se axusta completamente ao concepto de feminismo nado coa Ilustración, ao feminismo moderno, que transcende da mera enumeración de agravios e entra no terreo da vindicación da muller e a crítica racionalista das estruturas sociais; poñamos por exemplo a definición de Nancy Cott de feminismo:

"crenza na importancia da igualdade de xénero, invalidando a idea de xerarquía de xénero como concepto construído pola sociedade"

Imos dividir os feminismo en 4 etapas, das que falaremos con máis calma:

  1. Protofeminismo
  2. 1ª Onda: O feminismo ilustrado e a Revolución Francesa
  3. 2ª Ona: O feminismo liberal sufraxista
  4. 3ª Onda: O feminismo sesentaiochista
--------------------------------------------------------------------
Vindicación: defender, sobretodo por escrito, a unha persoa que foi insultada.