Só sei que non sei nada! (Sócrates, filósofo 470-399aC)

O silencio social é unha forma de represión


7/1/11

Protofeminismo I

Conseguir información acerca dos antecedentes do feminismo non é sinxelo. A maioría das veces consideran o inicio deste movemento os anos previos á Revolución Francesa ou á Ilustración. No anterior post establecemos que nesas datas comezaba a 1ª onda do feminismo pero, é o protofeminismo?

O protofeminismo podemos entendelo como as diferentes actuacións que defenden a autonomía das mulleres pero que non constituíron un movemento social na práctica totalidade dos casos. Son actuacións de mulleres, tamén uns poucos homes, a título individual ou como pequenos grupos, por iso só podemos falar de mulleres concretas e non de pensamentos colectivos. É a etapa de xestación do feminismo.

A Idade Media foi a época de máximo esplendor do Cristianismo, polo que toda a sociedade europea occidental estaba organizada seguindo os dogmas desta relixión. Os altos cargos eclesiásticos tiñan acceso directo ao poder e velaban polo cumprimento da moral cristiá. Establecendo que a muller débese ao home, creada da súa costela e culpábel da condena da humanidade, ten o deber de obedecer ao seu titor/marido e adicarse á crianza da prole ou ao coidado do fogar. A outra opción era a vida relixiosa, ofrecía maior liberdade dado que as monxas vivían en comunidades de mulleres pero sempre baixo a tutela directa dun confesor, abade ou bispo.

No século X, destacar á canonesa Hrosvitha de Gendersheim pertencente á Orde de San Bieito. Primeira escritora e poetisa alemá e a primeira dramaturga da historia (escribiu todo en latín), tamén foi considerada pioneira na escritura da historia das mulleres polas súas obras sobre virxes mártires. Con toda probabilidade era de orixe aristócrata: o seu nome aparece nun antigo gravado de madeira como “Helena de Rossow”.Ser canonesa, significaba, entre outras cousas,que podías ter o teu propio patrimonio e dispoñer de criadas. Posto que só facían 2 dos 3 votos monásticos: obediencia e castidade pero non o de pobreza. Para as que eran novas suporíalles a oportunidade de non perder o seu status social sen ter a obrigación de contraer matrimonio, normalmente, imposto.

Hai mulleres que viviron a súa relixiosidade como anacoretas*, especialmente na Inglaterra. Destaca a autora mística (século XIV) coñecida como Madre Julián de Norwich, anacoreta da igrexa de San Xulián de Norwich. A súa teoloxía é de corte optimista, fala do amor de Deus en termos de alegría e compaixón e non de lei ou deber. Viviu na época da peste negra pero, a diferenza do resto da sociedade, non vía nela un castigo divino. O sufrimento é unha maneira que ten Deus de acercarnos a El. Na súa obra Revelations of Divine Love desenvolve un concepto da divindade que abarca o feminino e o masculino, adiantándose séculos á eliminación do sexismo na linguaxe, emprega pronomes de ambos xéneros ao referirse ádivindade. Tamén destacar o tratamento que lle dá á Santísima Trindade, onde compara a Xesús cunha nai sabia, amante e misericordiosa ou enlaza a Deus coa maternidade en termos de enxendrador da Natureza. A súa obra fíxose moi popular entre os feministas cristiáns, polo concepto do feminino asociado á divindade.

------------------------------------------------------------------------------

*anacoretas. Persoa que vive en soidade, afastada da vida social, e que leva unha vida austera dedicada á contemplación e á oración. Leva unha vida de anacoreta. SIN. asceta, eremita, ermitán.

No tocante ao enlace de Julian of Norwich, vinme na obriga de empregar unha páxina nunha lingua extranxeira (a nosa non está tan normalizada como eu quixera), así que pareceume boa idea facerlle publicidade ao blogue en cuestión. ;)

Como anécdota: o cantante Sydney Carter adícoulle unha canción a Julian of Norwich

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Escribide o que queirades pero con sentidiño!