O silencio social é unha forma de represión
9/4/11
Protofeminismo VI: Muller e Reforma
16/2/11
Protofeminismo V: A querelle das femmes
Foi un debate filosófico, político, técnico, literario...no que se trataba de demostrar a inferioridade natural das mulleres fronte aos homes. Xustificando deste xeito, os sentido do valor do feminino e do masculino e, consecuentemente, a posición de homes e mulleres na orde social (familia, política, cultura...).
A primeira é un movemento social, protagonizado por mulleres,que recibe o nome de Frauenfrare (Cuestión de mulleres). Foi un movemento inconexo de mulleres que rexeitaban o estilo de vida imposto pola sociedade e se autoorganizaban en casas ao marxe da sociedade. Xa falamos delas, son as beguinas (Protofeminismo III: As beguinas).
A segunda é de caracter académico, supuxo o triunfo da concepción que tiña a filosofía aristotélica no tocante ao que supón ser home e muller, "A Polaridade dos sexos". Nela o filósofo afirma que homes e mulleres somos moi diferentes e ratifica a superioridade masculina fronte á feminina. O triunfo desta teoría prodúxose en 1255, cando a Universidade de París fixo de lectura obrigatoria os textos do autor. Impóndose á teoría que sostiveran mulleres como Hidegard von Bingen (Protofeminismo II) ou Herralda de Hohenbourg, que defendía a "complementaridade dos sexos" afirmando que homes e mulleres somos diferentes pero iguais en "valor". Mencionar que hai unha terceira teoría que defende a "unidade dos sexos" afirmando que homes e mulleres son iguais e non existen diferenzas significativas entre eles.
Que non se acuse de senrazón, arrogancia ou presunción por ousar, eu muller, opoñerme e replicar a un autor tan sutil, nin de reducir o eloxio debido á súa obra, mentres que el, soamente home, ousou difamar e acusar sen excepción a todo o sexo feminino.
O protagonismo desta autora no debate e a difusión das súas obras converteron a querelle das femmes nun fenómeno internacional que chegaría ata a Revolución Francesa. A partir deste momento participaran homes e mulleres na disputa e foron estas primeiras pensadoras as que se negaron a aceptar o que os homes dicían do corpo feminino e da necesaria subordinación das mulleres a eles. Formularon o principio fundamental, aínda vixente hoxe, que di que esa subordinación é de carácter social e non fisiolóxico. Identificaron o concepto de xénero pero sen nomealo. (Escribo parte do fragmento do post anterior cunha ampliación, é interesante lelo despois de matizar estes puntos)
Porfío no parecer, e ninguén poderá manter o contrario, de que se fora costume mandas ás nenas ás escolas e fixéranlles logo aprender as ciencias, cal se fai cos nenos, elas aprenderías a perfección e entenderían as sutilezas de todas as artes e ciencias por igual que eles... pois... aínda en tanto que mulleres teñen un corpo máis delicado que os homes, máis débil e menos hábil para facer algunhas cousas, tanto máis agudo e libre teñen o entendemento cando o aplican. [...] Porén, non hai dúbida de que a Natureza os forneceu cos mesmos dons físicos e intelectuais que proporciona aos homes máis sabios e eruditos que podamos atopar nas grandes vilas ou cidades. Todo isto débese á falta de estudo, o que non exclúe que, tanto entre homes como entre mulleres, algúns individuos sexan máis intelixentes ca outros. Agora, para ilustrar a miña tese da similitude de intelixencia entre o home e a muller, heiche contar o caso dalgunhas mulleres de grandes facultades intelectuais que acadaron un saber profundo.A querelle das femmes tamén chegou corte de Castela. Mulleres como María de Zayas esribiu a favor da educación e analizou os motivos da inferioridade feminina:
Que razón hai para que eles sexan sabios e presuman de que nós non podamos selo? Isto non ten, ao meu parecer, máis resposta que a súa impiedade ou tiranía en encerrarnos e non darnos mestres.No tocante a homes que defenderon a educación feminina e denunciaron a infravaloración da intelectual feminina temos ao Padre Feixóo, o Padre Sarmiento e Vicente de Seixo.
8/2/11
Protofeminismo IV: Renacemento
En Italia (S. XV) creouse unha escola humanista para homes e mulleres.
No tocante a España destacar a:
Beatriz Galindo, de orixe fidalgo, foi unha das mulleres máis cultas da súa época. Alcumada "La Latina" pola súa mestría coa lingua morta tanto en tradución como na fala, consecuencia disto foi a súa labor como preceptora e conselleira da Raíña Sabela "A Católica". Fundou escolas, hospitais e conventos.
Oliva Sabuca de Nantes, publicou unha obra titulada "Nova Filosofía" que recibiu moitos eloxios polo seu carácter científico-naturalista, filosófico e incluso polo seu estilo literario. O libro foi traducido a outros idiomas e na actualidade está collendo sona por defender un estilo de vida basado na boa conversa (eutrapelia), o disfrute da música e da natureza e o control e harmonía das emocións e pasións.
Catalina Mendoza, foi afeccionada á musica, pintura, ciencia e debuxo. Aparece nalgúns dicionarios de arte como autora de cadros de flores e bodegóns firmados co apelido familiar. Fundou un colexio de xesuítas para mulleres.
En Inglaterra, a Reforma tivo como consecuencia o peche de conventos que supuñan a única vía de acceso das mulleres á cultura e a formación destas quedou relegada ao ámbito doméstico. Hai exemplos de pais que crearon escolas familiares para darlle unha boa educación as súas fillas (pero non apoiaban a igualdade das mulleres fronte aos homes): Tomás Moro, Anthony Coke ou Henrique Howard.

Na súa obra "Livres des Trois Vertus" defendeu a necesidade da educación para as mulleres, tendo en conta as distintas necesidades segundo a súa ocupación e clase social.
"La Cite des Dammes" é a primeira historia de mulleres escrita por unha muller, nela entablou un diálogo coa Dama Razón no que rebatía os distintos ataques misóxinos con argumentos baseados en acontecementos históricos e citas da Biblia.
Esta obra pódese considerar o inicio da querelle des femmes, un debate abstracto e intelectual sobra á natureza das mulleres, sen propostas de cambio social, que duraría 3 anos. Xira arredor dunha reinterpretación da Biblia e a exaltación de mulleres exemplares que contrarresten a visión negativa e vexatoria das mulleres ofrecida nos sermóns, o Malleus Malleficarun e a persecución por bruxería (xa falarei dela en máis profundidade).
As mulleres das obras de Pisán son raíñas, inventoras, santas, científicas e estás dotadas de nobres sentimentos, xuizo e razonamento.
A Cidade das Damas:
Se fora costume mandar ás nenas ás escolas e logo fixéranlles aprender as ciencias, como se fai cos nenos, elas aprenderían á perfección e entenderían as sutilezas de tódalas artes e ciencias ao igual ca eles...pois...aínda que as mulleres teñen un corpo máis delicado cos homes, máis débil e menos apto para facer algunhas cousas, tanto máis agudo e libre teñen o entendemento cando o aplican. Chegou o momento de que as severas leis dos homen deixen de impedirlles ás mulleres o estudo das ciencias e outras disciplinas.
Paréceme que aquelas de nós que poden valerse desta liberdade, codiciada durante tanto tempo, deben estudar para demostrarlles aos homes o equivocados que estaban ao privarnos desta honra e beneficio.
E se algunha muller aprende tanto como para escribir os seus pensamentos, que o faga e que desprecie a honra senón máis ben que a exhiba, no canto de eshibir roupas finas, colares ou aneis. Estas xoias son nosas porque as empregamos, pero a honra da educación é completamente nosa
5/2/11
Protofeminismo III: As beguinas

Unha das súas líderes, Mary d’Oignies, predicou e formou a un grupo de discípulos, quenes influíron máis tarde para que o movemento puidera organizarse independentemente das ordes relixiosas xa existentes. Mary ensinou a estes homes a predicar, algúns deles chegaron a ser bispos e todos apoiaron o papel independente e responsábel da muller dentro da igrexa. Tivo influencia sobre Xaime de Vitry, un dos grandes predicadores do século XIII e bispo de Acre, amigo de papas e máis adiante cardeal e membro da curia. Non só escribiu a vida de María senón que fixo moito para que esta espiritualidade fora aceptada e respectada polos papas. As beguinas foron obxecto de sospeitas sobre todo porque non estaban suxeitas ao clero parroquial, nin a estruturas xurídicas estabeis. Non sempre contaron con protectores tan ortodoxos como Luis IX de Francia e as condesas Xoana e Margarida de Flandes. A crecente desconfianza das xerarquías ante a pobreza predicada por San Francisco e os primeiros franciscanos, o desexo de controlar a crecente devoción laica e as posibeis formas de herexía, aliáronse en contra das beguinas. Cando non se podía probar que non eran herexes, acusábasellas de folgazanas e de exercer a medicina ilegalmente. O punto máximo de crítica alcanzouse con Clemente V no concilio de Vienne de 1311, que condenou todo o movemento baixo pena de excomunión. Unha excepción para ás que viviran xuntas nun hospicio e se adicaran á penitencia, o cal salvou á maior parte. O sucesor de Clemente, Xan XXII fíxose eco deste movemento especialmente polo entusiasmo das autoridades eclesiásticas dos Países Baixos.
Outra beguina, Christine Stemmeln converteuse en guía espiritual dun convento de monxes dominicos.
12/1/11
Protofeminismo II
Hildegard von Bingen: A raíz das súas visións adquire unha gran influencia que lle permite cartearse con altos cargos eclesiásticos e civís. Publicou tratados sobre Bioloxía e Medicina, o que fai que sexa considerada a primeira médica alemá. Tamén mencionar a longa loita que mantivo ata conseguir a emancipación da súa congregación de mulleres e trasladarse ao seu propio mosteiro.
Catalina de Siena: Tivo moita influencia e interveu en varias crises papais.
Basta de silencios! Berrade con cen mil linguas! porque, por calar, o mundo está podre!
No ámbito da nobreza mencionar a:
Sabela de Portugal: Raíña de Portugal, esposa de Dionisio I de Portugal. Tivo moitísima influencia na política durante o reinado do seu marido e o do seu fillo, Afonso o Bravo. Grazas a súa intervención evitáronse guerras. Mediou entre o seu marido e o seu fillo no propio campo de batalla e evitou unha guerra civil. O día antes de morrer fíxolle prometer ao seu fillo (daquelas rei de Portugal) que non entraría en guerra con Afonso XI de Castela (neto dela).
Leonor de Aquitania: herdou do seu pai o ducado de Aquitania o que precipitou a súa voda co futuro rei de Francia, Luis VII. Como Raíña de Francia mencionar: o apoio mostrado ao matrimonio ilexítimo da súa irmá en contra da vontade do rei e que durante a Segunda Cruzada foi a única muller que contaba cun exército propio (o cal se revelou contra o rei de Francia por discrepancias sobre o obxectivo a atacar). Anulouse o seu matrimonio con Luis VII por consanguinidade e aos 2 meses casou co futuro rei de Inglaterra, Henrique II. Como Raíña de Inglaterra: foi mecenas de moitos trobadores potenciando o amor cortés e apoiou a rebelión dos seus fillos contra o seu home (sendo encarcerada ata a morte do rei). Como viúva: reinou en nome do seu fillo (Ricardo Corazón de León) varios anos, liberou aos prisioneiros do seu defunto home e escolleu entre as súas netas á muller do futuro rei de Francia, Luis VIII.
Branca de Castela: casouse co futuro rei de Francia, Luis VIII. Cando este morreu foi a rexente do reino ata que o seu fillo foi maior de idade. O seu goberno foi moi produtivo: eliminou a herexía, conseguiu un matrimonio que aumentaron os dominios do seu reino e someteu aos nobres que se revelaron ante a idea de que ela fora rexente. Cando o seu fillo (daquela Luis IX, rei de Francia) se foi á guerra volveuna nomear rexente.
Algunhas mulleres, tomaron as armas, para participar en torneos ou disfrazáronse para colocarse á fronte dalgunha operación militar, sendo o exemplo máis coñecido, pero non o único, Xoana de Arco, vítima da Inquisición “por negarse a vestir roupas de muller”. Dicir que ao final queimaron aos seus xuíces por herexes (quen llo ía dicir a eles...), 25 anos despois, e canonizárona uns 500 anos depois.
(Fixástesvos no detalle? Queimárona por vestir roupas de home pero na súa imaxe como santa leva unha saia)
Salientar a Guillermine de Bohemia (da que non atopei información biográfica), a finais do século XIII, creou unha igrexa de mulleres. Crendo que cando Cristo viñera ao mundo só salvara a Adán e que Eva seguía condenada, formou unha congregación que agardaba a segunda chegada do fillo de Deus para salvar ás mulleres. A súas eucaristías só acudían mulleres, pero de todas as clases sociais. O Papa acusouna de herexe e morreu na forca.
7/1/11
Protofeminismo I
Conseguir información acerca dos antecedentes do feminismo non é sinxelo. A maioría das veces consideran o inicio deste movemento os anos previos á Revolución Francesa ou á Ilustración. No anterior post establecemos que nesas datas comezaba a 1ª onda do feminismo pero, é o protofeminismo?
O protofeminismo podemos entendelo como as diferentes actuacións que defenden a autonomía das mulleres pero que non constituíron un movemento social na práctica totalidade dos casos. Son actuacións de mulleres, tamén uns poucos homes, a título individual ou como pequenos grupos, por iso só podemos falar de mulleres concretas e non de pensamentos colectivos. É a etapa de xestación do feminismo.
A Idade Media foi a época de máximo esplendor do Cristianismo, polo que toda a sociedade europea occidental estaba organizada seguindo os dogmas desta relixión. Os altos cargos eclesiásticos tiñan acceso directo ao poder e velaban polo cumprimento da moral cristiá. Establecendo que a muller débese ao home, creada da súa costela e culpábel da condena da humanidade, ten o deber de obedecer ao seu titor/marido e adicarse á crianza da prole ou ao coidado do fogar. A outra opción era a vida relixiosa, ofrecía maior liberdade dado que as monxas vivían en comunidades de mulleres pero sempre baixo a tutela directa dun confesor, abade ou bispo.
No século X, destacar á canonesa Hrosvitha de Gendersheim pertencente á Orde de San Bieito. Primeira escritora e poetisa alemá e a primeira dramaturga da historia (escribiu todo en latín), tamén foi considerada pioneira na escritura da historia das mulleres polas súas obras sobre virxes mártires. Con toda probabilidade era de orixe aristócrata: o seu nome aparece nun antigo gravado de madeira como “Helena de Rossow”.Ser canonesa, significaba, entre outras cousas,que podías ter o teu propio patrimonio e dispoñer de criadas. Posto que só facían 2 dos 3 votos monásticos: obediencia e castidade pero non o de pobreza. Para as que eran novas suporíalles a oportunidade de non perder o seu status social sen ter a obrigación de contraer matrimonio, normalmente, imposto.
Hai mulleres que viviron a súa relixiosidade como anacoretas*, especialmente na Inglaterra. Destaca a autora mística (século XIV) coñecida como Madre Julián de Norwich, anacoreta da igrexa de San Xulián de Norwich. A súa teoloxía é de corte optimista, fala do amor de Deus en termos de alegría e compaixón e non de lei ou deber. Viviu na época da peste negra pero, a diferenza do resto da sociedade, non vía nela un castigo divino. O sufrimento é unha maneira que ten Deus de acercarnos a El. Na súa obra Revelations of Divine Love desenvolve un concepto da divindade que abarca o feminino e o masculino, adiantándose séculos á eliminación do sexismo na linguaxe, emprega pronomes de ambos xéneros ao referirse ádivindade. Tamén destacar o tratamento que lle dá á Santísima Trindade, onde compara a Xesús cunha nai sabia, amante e misericordiosa ou enlaza a Deus coa maternidade en termos de enxendrador da Natureza. A súa obra fíxose moi popular entre os feministas cristiáns, polo concepto do feminino asociado á divindade.
------------------------------------------------------------------------------
*anacoretas. Persoa que vive en soidade, afastada da vida social, e que leva unha vida austera dedicada á contemplación e á oración. Leva unha vida de anacoreta. SIN. asceta, eremita, ermitán.
No tocante ao enlace de Julian of Norwich, vinme na obriga de empregar unha páxina nunha lingua extranxeira (a nosa non está tan normalizada como eu quixera), así que pareceume boa idea facerlle publicidade ao blogue en cuestión. ;)
Como anécdota: o cantante Sydney Carter adícoulle unha canción a Julian of Norwich