Só sei que non sei nada! (Sócrates, filósofo 470-399aC)

O silencio social é unha forma de represión


8/2/11

Protofeminismo IV: Renacemento

No Renacemento, fuxindo da dinámica do medievo, dáselle moita importancia ao individuo e ao coñecemento. Aínda que non tivo a mesma repercursión para homes e mulleres o papel destas na cultura aumentou. Atopamos artistas importantes e creadoras de salóns culturais, dous exemplos son Lucrecia Borgia ou Isabella d'Este.

En Italia (S. XV) creouse unha escola humanista para homes e mulleres.

No tocante a España destacar a:

Beatriz Galindo, de orixe fidalgo, foi unha das mulleres máis cultas da súa época. Alcumada "La Latina" pola súa mestría coa lingua morta tanto en tradución como na fala, consecuencia disto foi a súa labor como preceptora e conselleira da Raíña Sabela "A Católica". Fundou escolas, hospitais e conventos.
Oliva Sabuca de Nantes, publicou unha obra titulada "Nova Filosofía" que recibiu moitos eloxios polo seu carácter científico-naturalista, filosófico e incluso polo seu estilo literario. O libro foi traducido a outros idiomas e na actualidade está collendo sona por defender un estilo de vida basado na boa conversa (eutrapelia), o disfrute da música e da natureza e o control e harmonía das emocións e pasións.
Catalina Mendoza, foi afeccionada á musica, pintura, ciencia e debuxo. Aparece nalgúns dicionarios de arte como autora de cadros de flores e bodegóns firmados co apelido familiar. Fundou un colexio de xesuítas para mulleres.

En Inglaterra, a Reforma tivo como consecuencia o peche de conventos que supuñan a única vía de acceso das mulleres á cultura e a formación destas quedou relegada ao ámbito doméstico. Hai exemplos de pais que crearon escolas familiares para darlle unha boa educación as súas fillas (pero non apoiaban a igualdade das mulleres fronte aos homes): Tomás Moro, Anthony Coke ou Henrique Howard.

Na Italia do século XV nomear a francesa Christine de Pisan, artista femenina que logrou vivir da súa produción literaria. Escribiu 28 libros con grande sona que foron traducidos ao inglés medieval e dalgúns deles existen, na actualidade, máis copias que ningún outro libro do XV. Escribiu poemarios, tratados morais, políticos e históricos.
Na súa obra "Livres des Trois Vertus" defendeu a necesidade da educación para as mulleres, tendo en conta as distintas necesidades segundo a súa ocupación e clase social.
"La Cite des Dammes" é a primeira historia de mulleres escrita por unha muller, nela entablou un diálogo coa Dama Razón no que rebatía os distintos ataques misóxinos con argumentos baseados en acontecementos históricos e citas da Biblia.
Esta obra pódese considerar o inicio da querelle des femmes, un debate abstracto e intelectual sobra á natureza das mulleres, sen propostas de cambio social, que duraría 3 anos. Xira arredor dunha reinterpretación da Biblia e a exaltación de mulleres exemplares que contrarresten a visión negativa e vexatoria das mulleres ofrecida nos sermóns, o Malleus Malleficarun e a persecución por bruxería (xa falarei dela en máis profundidade).
As mulleres das obras de Pisán son raíñas, inventoras, santas, científicas e estás dotadas de nobres sentimentos, xuizo e razonamento.
A Cidade das Damas:

Se fora costume mandar ás nenas ás escolas e logo fixéranlles aprender as ciencias, como se fai cos nenos, elas aprenderían á perfección e entenderían as sutilezas de tódalas artes e ciencias ao igual ca eles...pois...aínda que as mulleres teñen un corpo máis delicado cos homes, máis débil e menos apto para facer algunhas cousas, tanto máis agudo e libre teñen o entendemento cando o aplican. Chegou o momento de que as severas leis dos homen deixen de impedirlles ás mulleres o estudo das ciencias e outras disciplinas.
Paréceme que aquelas de nós que poden valerse desta liberdade, codiciada durante tanto tempo, deben estudar para demostrarlles aos homes o equivocados que estaban ao privarnos desta honra e beneficio.
E se algunha muller aprende tanto como para escribir os seus pensamentos, que o faga e que desprecie a honra senón máis ben que a exhiba, no canto de eshibir roupas finas, colares ou aneis. Estas xoias son nosas porque as empregamos, pero a honra da educación é completamente nosa

5/2/11

Protofeminismo III: As beguinas

No século XI falamos, por vez primeira, dun movemento de mulleres, que xorde espontaneamente en diferentes lugares, ofrecendo ás mulleres unha vía alternativa ao matrimonio ou ao convento: as Beguinas. Son comunidades de mulleres que compartían casa, comida, vida e traballo, sen depender de ningunha autoridade masculina. As súas líderes eran mulleres moi devotas. Levaban unha vida sinxela con prácticas relixiosas comúns, pero non eran ordes conventuais nin tiñan que facer ningún tipo de voto. Estas comunidades comezaron grazas a mulleres que tiñan propiedades no campo e na cidade que construíron casas para as mulleres solteiras. Tiveron un rápido crecemento e comezaron a organizarse, desenvolveron normas de funcionamento e elixiron consellos de mulleres para dirixir os seus asuntos e súa vida relixiosa. Tiñan os seus propios rituais e oracións, escribían salmos e administrábanse mutuamente a confesión, sen depender directamente dun crego, mais aceptaban a autoridade do bispo da súa diocese. Dirixían hospitais e escolas de nenas, que moitas incorporábanse despois ás comunidades beguinas.


Unha das súas líderes, Mary d’Oignies, predicou e formou a un grupo de discípulos, quenes influíron máis tarde para que o movemento puidera organizarse independentemente das ordes relixiosas xa existentes. Mary ensinou a estes homes a predicar, algúns deles chegaron a ser bispos e todos apoiaron o papel independente e responsábel da muller dentro da igrexa. Tivo influencia sobre Xaime de Vitry, un dos grandes predicadores do século XIII e bispo de Acre, amigo de papas e máis adiante cardeal e membro da curia. Non só escribiu a vida de María senón que fixo moito para que esta espiritualidade fora aceptada e respectada polos papas. As beguinas foron obxecto de sospeitas sobre todo porque non estaban suxeitas ao clero parroquial, nin a estruturas xurídicas estabeis. Non sempre contaron con protectores tan ortodoxos como Luis IX de Francia e as condesas Xoana e Margarida de Flandes. A crecente desconfianza das xerarquías ante a pobreza predicada por San Francisco e os primeiros franciscanos, o desexo de controlar a crecente devoción laica e as posibeis formas de herexía, aliáronse en contra das beguinas. Cando non se podía probar que non eran herexes, acusábasellas de folgazanas e de exercer a medicina ilegalmente. O punto máximo de crítica alcanzouse con Clemente V no concilio de Vienne de 1311, que condenou todo o movemento baixo pena de excomunión. Unha excepción para ás que viviran xuntas nun hospicio e se adicaran á penitencia, o cal salvou á maior parte. O sucesor de Clemente, Xan XXII fíxose eco deste movemento especialmente polo entusiasmo das autoridades eclesiásticas dos Países Baixos.

Outra beguina, Christine Stemmeln converteuse en guía espiritual dun convento de monxes dominicos.

12/1/11

Protofeminismo II

O ámbito relixioso, sen dúbida, é o que maior número de mulleres aporta á causa. Farei un breve resumo dos aportes dalgunhas delas e deixo unha ligazón para quen queira ollar as biografías:

Hildegard von Bingen: A raíz das súas visións adquire unha gran influencia que lle permite cartearse con altos cargos eclesiásticos e civís. Publicou tratados sobre Bioloxía e Medicina, o que fai que sexa considerada a primeira médica alemá. Tamén mencionar a longa loita que mantivo ata conseguir a emancipación da súa congregación de mulleres e trasladarse ao seu propio mosteiro.

Catalina de Siena: Tivo moita influencia e interveu en varias crises papais.

Basta de silencios! Berrade con cen mil linguas! porque, por calar, o mundo está podre!

No ámbito da nobreza mencionar a:

Sabela de Portugal: Raíña de Portugal, esposa de Dionisio I de Portugal. Tivo moitísima influencia na política durante o reinado do seu marido e o do seu fillo, Afonso o Bravo. Grazas a súa intervención evitáronse guerras. Mediou entre o seu marido e o seu fillo no propio campo de batalla e evitou unha guerra civil. O día antes de morrer fíxolle prometer ao seu fillo (daquelas rei de Portugal) que non entraría en guerra con Afonso XI de Castela (neto dela).

Leonor de Aquitania: herdou do seu pai o ducado de Aquitania o que precipitou a súa voda co futuro rei de Francia, Luis VII. Como Raíña de Francia mencionar: o apoio mostrado ao matrimonio ilexítimo da súa irmá en contra da vontade do rei e que durante a Segunda Cruzada foi a única muller que contaba cun exército propio (o cal se revelou contra o rei de Francia por discrepancias sobre o obxectivo a atacar). Anulouse o seu matrimonio con Luis VII por consanguinidade e aos 2 meses casou co futuro rei de Inglaterra, Henrique II. Como Raíña de Inglaterra: foi mecenas de moitos trobadores potenciando o amor cortés e apoiou a rebelión dos seus fillos contra o seu home (sendo encarcerada ata a morte do rei). Como viúva: reinou en nome do seu fillo (Ricardo Corazón de León) varios anos, liberou aos prisioneiros do seu defunto home e escolleu entre as súas netas á muller do futuro rei de Francia, Luis VIII.

Branca de Castela: casouse co futuro rei de Francia, Luis VIII. Cando este morreu foi a rexente do reino ata que o seu fillo foi maior de idade. O seu goberno foi moi produtivo: eliminou a herexía, conseguiu un matrimonio que aumentaron os dominios do seu reino e someteu aos nobres que se revelaron ante a idea de que ela fora rexente. Cando o seu fillo (daquela Luis IX, rei de Francia) se foi á guerra volveuna nomear rexente.

Algunhas mulleres, tomaron as armas, para participar en torneos ou disfrazáronse para colocarse á fronte dalgunha operación militar, sendo o exemplo máis coñecido, pero non o único, Xoana de Arco, vítima da Inquisición “por negarse a vestir roupas de muller”. Dicir que ao final queimaron aos seus xuíces por herexes (quen llo ía dicir a eles...), 25 anos despois, e canonizárona uns 500 anos depois.

(Fixástesvos no detalle? Queimárona por vestir roupas de home pero na súa imaxe como santa leva unha saia)

Salientar a Guillermine de Bohemia (da que non atopei información biográfica), a finais do século XIII, creou unha igrexa de mulleres. Crendo que cando Cristo viñera ao mundo só salvara a Adán e que Eva seguía condenada, formou unha congregación que agardaba a segunda chegada do fillo de Deus para salvar ás mulleres. A súas eucaristías só acudían mulleres, pero de todas as clases sociais. O Papa acusouna de herexe e morreu na forca.

7/1/11

Protofeminismo I

Conseguir información acerca dos antecedentes do feminismo non é sinxelo. A maioría das veces consideran o inicio deste movemento os anos previos á Revolución Francesa ou á Ilustración. No anterior post establecemos que nesas datas comezaba a 1ª onda do feminismo pero, é o protofeminismo?

O protofeminismo podemos entendelo como as diferentes actuacións que defenden a autonomía das mulleres pero que non constituíron un movemento social na práctica totalidade dos casos. Son actuacións de mulleres, tamén uns poucos homes, a título individual ou como pequenos grupos, por iso só podemos falar de mulleres concretas e non de pensamentos colectivos. É a etapa de xestación do feminismo.

A Idade Media foi a época de máximo esplendor do Cristianismo, polo que toda a sociedade europea occidental estaba organizada seguindo os dogmas desta relixión. Os altos cargos eclesiásticos tiñan acceso directo ao poder e velaban polo cumprimento da moral cristiá. Establecendo que a muller débese ao home, creada da súa costela e culpábel da condena da humanidade, ten o deber de obedecer ao seu titor/marido e adicarse á crianza da prole ou ao coidado do fogar. A outra opción era a vida relixiosa, ofrecía maior liberdade dado que as monxas vivían en comunidades de mulleres pero sempre baixo a tutela directa dun confesor, abade ou bispo.

No século X, destacar á canonesa Hrosvitha de Gendersheim pertencente á Orde de San Bieito. Primeira escritora e poetisa alemá e a primeira dramaturga da historia (escribiu todo en latín), tamén foi considerada pioneira na escritura da historia das mulleres polas súas obras sobre virxes mártires. Con toda probabilidade era de orixe aristócrata: o seu nome aparece nun antigo gravado de madeira como “Helena de Rossow”.Ser canonesa, significaba, entre outras cousas,que podías ter o teu propio patrimonio e dispoñer de criadas. Posto que só facían 2 dos 3 votos monásticos: obediencia e castidade pero non o de pobreza. Para as que eran novas suporíalles a oportunidade de non perder o seu status social sen ter a obrigación de contraer matrimonio, normalmente, imposto.

Hai mulleres que viviron a súa relixiosidade como anacoretas*, especialmente na Inglaterra. Destaca a autora mística (século XIV) coñecida como Madre Julián de Norwich, anacoreta da igrexa de San Xulián de Norwich. A súa teoloxía é de corte optimista, fala do amor de Deus en termos de alegría e compaixón e non de lei ou deber. Viviu na época da peste negra pero, a diferenza do resto da sociedade, non vía nela un castigo divino. O sufrimento é unha maneira que ten Deus de acercarnos a El. Na súa obra Revelations of Divine Love desenvolve un concepto da divindade que abarca o feminino e o masculino, adiantándose séculos á eliminación do sexismo na linguaxe, emprega pronomes de ambos xéneros ao referirse ádivindade. Tamén destacar o tratamento que lle dá á Santísima Trindade, onde compara a Xesús cunha nai sabia, amante e misericordiosa ou enlaza a Deus coa maternidade en termos de enxendrador da Natureza. A súa obra fíxose moi popular entre os feministas cristiáns, polo concepto do feminino asociado á divindade.

------------------------------------------------------------------------------

*anacoretas. Persoa que vive en soidade, afastada da vida social, e que leva unha vida austera dedicada á contemplación e á oración. Leva unha vida de anacoreta. SIN. asceta, eremita, ermitán.

No tocante ao enlace de Julian of Norwich, vinme na obriga de empregar unha páxina nunha lingua extranxeira (a nosa non está tan normalizada como eu quixera), así que pareceume boa idea facerlle publicidade ao blogue en cuestión. ;)

Como anécdota: o cantante Sydney Carter adícoulle unha canción a Julian of Norwich

2/1/11

Definición de feminismo II

Segundo Simone de Beauvoir, a primeira muller que empregou unha pluma para defender á muller foi Christine de Pizan, que escribiu Epître au Dieu d'Amour (Epístola a deus do amor) no século XV. Existen varios exemplos de autoras anteriores ao Século das luces que avogan polos dereitos da muller, porén, non están directamente vinculadas ao feminismo moderno.

A verba "feminismo" é un termo relativamente recente, apareceu en 1880 en Francia. Foi adoptado en Inglaterra a partir de 1890 (feminism), en substitución de womanism ("mullerismo"). A existencia de movementos a favor da muller anteriores á ilustración é indubidábel, pero non se pode falar dunha continuidade entre eses movementos e o feminismo de hoxe en día, que comeza a finais do século XVIII, cando xorden as primeiras correntes feministas. A defensa das mulleres anterior ao século das luces denomínase Protofeminismo, non se axusta completamente ao concepto de feminismo nado coa Ilustración, ao feminismo moderno, que transcende da mera enumeración de agravios e entra no terreo da vindicación da muller e a crítica racionalista das estruturas sociais; poñamos por exemplo a definición de Nancy Cott de feminismo:

"crenza na importancia da igualdade de xénero, invalidando a idea de xerarquía de xénero como concepto construído pola sociedade"

Imos dividir os feminismo en 4 etapas, das que falaremos con máis calma:

  1. Protofeminismo
  2. 1ª Onda: O feminismo ilustrado e a Revolución Francesa
  3. 2ª Ona: O feminismo liberal sufraxista
  4. 3ª Onda: O feminismo sesentaiochista
--------------------------------------------------------------------
Vindicación: defender, sobretodo por escrito, a unha persoa que foi insultada.

14/12/10

Definición de feminismo

Atarefadas en facer feminismo, as mulleres feministas non se preocuparon demasiado en definilo

conta Victoria Sau no seu libro Dicionario Ideolóxico feminista do que reproduzo un fragmento referido á definición do feminismo:

No Dicionario (patriarcal) Ilustrado de la Lengua a voz feminismo é definida torpemente así: Doutrina social que concede á muller igual capacidade e os mesmos dereitos ca os homes.

Así de breve, falsa e tendenciosa a asume a Academia de la Lengua (patriarcal). A propia definición incorre en aquilo contra o que o feminismo loita: considerar que a suprema mellora é elevar á muller á categoría do home como ser modélico, activo, dona da súa propia loita e suprimir ou disimular calquera imaxe da muller coa do presente.

O Diccionario (patriarcal) Larouse di: Feminismo: Tendencia a mellorar a posición da muller na sociedade.

Nun artigo feminista do que son autoras Anne e Jacqueline lese: "O feminismo é a toma de conciencia pola muller da opresión que padece. Unha opresión que non é só económica, xurídica e sexual, se non sobre todo psicolóxica". Non tódalas feministas poderían estar de acordo con esta última. Unha definición global, que poda reunir tódalas tendencias que se manifestan no seo do feminismo podería ser a seguinte:

O feminismo é un movemento social e político que se inicia formalmente a finais del século XVIII -sen adoptar aínda esta denominación- e que supón a toma de conciencia das mulleres da opresión, dominación, e explotación da que foron e son obxecto por parte do colectivo de varóns no seo do patriarcado baixo as súas distintas fases históricas de modelo de produción, o cal as move á acción para a liberación do seu sexo con tódalas transformacións da sociedade que aquela requira.


Con este obxectivo, o movemento feminista, crea un amplo conxunto de teorías sociais, unha Teoría feminista que deu lugar á aparición de disciplinas como a xeografía feminista, historia feminista ou a crítica literaria feminista, entre outras moitas disciplinas.

Logros sociais de importancia capital como o dereito á propiedade das mulleres, o voto feminino, dereitos reprodutivos, protección contra o acoso sexual e un longo etcétera son debidos á importante influencia do feminismo no conxunto da sociedade ao longo de toda a historia moderna.

O feminismo é un conxunto de correntes moi diversas, polo que é máis correcto falar de "feminismos" que de "feminismo" en singular, podemos encontrar unha ampla variedade de tendencias como por exemplo, o feminismo cultural, o feminismo liberal, o feminismo radical, o ecofeminismo , o anarcofeminismo , o feminismo da diferenza, o feminismo marxista, o feminismo separatista, o feminismo filosófico, o feminismo cristiano, o feminismo islámico, o feminismo post-colonial, o feminismo lésbico ou o feminismo crítico.